Proposta para o frente fluvial de Tui

Proposta para o frente fluvial de Tui

ÁMBITO DE ACTUACIÓN: O ámbito de actuación queda restrinxido ao establecido nas bases do concurso, acadando a superficie entre o río Miño e a cidade de Tui, no espazo que vai dende a ponte internacional ata os xardíns de Rosendo Troncoso.

 

Acolléndose á “flexibilidade” da delimitación do ámbito, abárcanse os terreos adxacentes localizados a norte, por ser imprescindibles para completar a proposta.

 

O ámbito de diagnose estendese á totalidade da área urbana, ao entendelo como un conxunto indisoluble que provoca inercias sobre a área de actuación, sendo precisa a súa análise para identificar as potencialidades e debilidades, procurando unha intervención axeitada e adaptada á realidade actual.

 

Desta, xorden varias actuacións localizadas fora do ámbito de actuación que se estiman complementarias á intervención no borde fluvial, xa que enriquecerán a proposta e a calidade do espazo urbano de Tui.

 

DESCRICIÓN DA ESTRATEXIA A DESENVOLVER POLA PROPOSTA

 

A proposta pretende mellorar o lugar, marcando a súa identidade, a súa historia e a súa tradición. Terá como obxectivos principais relacionar a vila co seu contexto natural, dende o punto de vista espacial e funcional, cosendo e ligando o centro urbano coa marxe fluvial, mellorando a permeabilidade visual e activando o espazo de borde. Para elo, disporanse elementos que reconduzan a atención e faga máis perceptible ao cidadán que se encontra nun entorno aberto. No tócante ao espazo urbano, potenciarase a imaxe do casco histórico “intramuralla” como referente da cidade.

A proposta baséase en tres puntos clave: conectar, marcar identidade e integrar.

 

Identidade:

Búscase fortalecer a identidade da cidade a través da súa historia e concretamente da súa muralla, por ser un elemento de alto protagonismo na imaxe do borde fluvial e da vila.

A vocación de barreira e de defensa que caracteriza a este elemento desde os seus inicios e que persiste na ladeira do río é superado para dar paso a unha nova comunicación e interacción, mediante a disposición dun itinerario accesible que comunica o casco histórico coa senda fluvial.

A conexión parte do miradoiro da praza da estrela, arranca cun ascensor que conecta co primeiro desembarco das escadas co fin de acadar a cota do muro intermedio da muralla. Dende aquí disporase unha rampa apoiada no terreo que xerará unha senda sobre o espazo vacante entre os muros desta, actuando a vez de miradoiro. O percurso achegase a un antigo baluarte o cal é enfeitizado mediante unha peza que replique a súa estrutura.

Unha intervención respectuosa que non altera as características físicas da muralla, senón que se adapta a ela.

Acompáñase de pequenas intervencións ao longo do perímetro da cidade antiga, coa disposición de elementos informativos que poñan a atención sobre os restos que aínda persisten da muralla e que permitan a súa interpretación e posta en valor.

Aproveitando un espazo baleiro da trama edificada disponse dun novo miradoiro no casco histórico. A súa localización conflúe co punto de conexión dos itinerarios accesibles intramuros, que a súa vez coincide coas vías principais tradicionais.

É realizado mediante unha peza voada, de sección simple e con paramentos cegos nos laterais para non perder a perspectiva tradicional. A intervención busca por o foco de atención sobre o espazo amurallado, enfeitizando a súa presenza e ofrecendo un novo punto de vista do espazo fluvial.

 

Conectar:

Procurase a conexión entre a trama urbana e a trama natural a través da aproximación entre os tecidos de modo a conseguir un espazo fluído de interacción sen fracturas.

Para elo, o sistema verde se introduce cara o tecido urbano aproveitando o curso do regato Cotarel.

Nos extremos do ámbito de actuación a interacción entre o tecido urbano e natural propiciase coa continuidade do espazo verde, sobre os que se dispoñen elementos de conexión peonil. As conexións serán permeables visualmente e axudarán a percibir que alí existe un gran circuíto verde de interese a nivel paisaxístico e de lecer, potenciando acercar o contexto natural á vila.

Superadas estas descontinuidades propiciase a consolidación dun cordón verde, mediante a presenza de vexetación puntual que cosa os parque e xardíns da malla urbana ata desembocar novamente no sistema verde fluvial.

En sentido lonxitudinal búscase ligar o espazo do borde. A vexetación de ribeira configurase neste senso como un elemento conformador do espazo público, traballando coa especie vexetal e a densidade, que se prolonga fora das marxes da área de intervención e dos límites municipais favorecendo a continuidade e mitigando a sensación de ruptura ou descontinuidade.

Prográmase a consolidación dun percurso peonil continuo, inmerso no tecido vexetal, que marcará  puntos de apertura para a contemplación do río. Preténdese que ofreza sorpresa, serenidade, contraste, curiosidade e a vez harmonía.

Traballarase con especies vexetais que aporten dinamismo cromático e densidade, tendo en conta a coloración da follaxe ou a presenza dunha floración rechamante. Búscase cualificar e singularizar o espazo en base aos usos previstos.

A senda a e vexetación do río serán o fío condutor na lectura do espazo, que se vai transformando no seu transcurso por zonas de cultivo, parque ou xardín pero mantendo a imaxe de fondo.

Dende o percurso do borde fluvial xorden ramificacións que ligan cos espazos adxacentes. A reprodución da solución de senda busca a prolongación da imaxe e a integración paisaxística. A sección da senda é pensada para acoller diversos usos simultáneos como correr, pasear ou andar en bici. En determinados puntos amplíase para posibilitar encontros.

A través de novos accesos co espazo urbano fortalecerase a conexión entre o tecido urbano-natural, facendo uso de pasarelas que darán continuidade á lectura de senda.

A zona verde proxectada, posibilita a conexión co futuro corredor verde do río Miño e a infraestrutura verde metropolitana. Garante a accesibilidade polo fronte fluvial e potencia os modos de transporte alternativos.

 

Integrar:

Faise uso de actividades e dotacións para activar dinámicas de integración e interacción entre o espazo fluvial e o espazo urbano. Nalgúns casos estas actividades existen e a actuación consistirá en dispor dos elementos vehiculares de conexión. Noutros, aparecerán novos usos que reactiven as zonas, localizándose en puntos estratéxicos que fortalezan os fluxos.

Enténdese o entorno fluvial como un espazo de oportunidade no que consolidar unha nova funcionalidade da cidade.

As actividades que se programan son principalmente de xogo e lúdicas para diversas idades. A natureza e auga son elementos moi presentes con fin de aproximar aos usuarios ao medio natural no que se insiren.

Pénsase como un espazo verde no que os elementos de xogo integranse, alterando o mínimo posible as condicións do medio de xeito a preservar a imaxe do corredor verde e  posibilitar a flexibilidade de cambios de uso ou de actividade.

A configuración resulta en áreas de actividade que se intercalan e integran coa senda, que os une e vincula co resto do espazo.

No entorno da desembocadura do regato Cotarel agrupanse varias das actividades programadas, por ser unha zona de maior amplitude, capaz de integrar os novos usos de xeito esponxado, sen afogar o espazo, e por ofrecer unha ampla visibilidade dende a estrada N-550, que serve de acceso e comunicación coa vila, actuando esta área como reclamo do borde fluvial. Por outra banda, a activación desta zona procura empurrar os fluxos cara o sistema verde do regato Cotarel, terra dentro, cara o interior da trama urbana.

Coa implantación das novas actividades búscase enriquecer a zona, complementando as dotacións existentes e respectando as cualidades que ofrece o lugar como zona de paseo e de desfrute. A combinación de todas elas resultará nun espazo vivo, dinámico e de interacción ao servizo da comunidade. 

Estas liñas estratéxicas consolídanse nunha proposta que aproveita a maioría dos recursos existentes, baseada na realización de pequenas intervencións puntuais que enriquezan e potencien as cualidades contidas no lugar e que posibiliten novas formas de utilización.

 

As operacións a realizar consisten en:

 

No eido da potenciación patrimonial

  • Posta en valor da muralla a través da disposición de elementos informativos sobre os restos existentes que permitan a súa interpretación ao longo do casco histórico.
  • Na vertente do río, integración dunha senda peonil accesible entre os elementos da muralla, que reconverta a súa función de barreira en elemento de conexión.
  • Reconstrución dun antigo baluarte mediante a colocación duna peza que replica a súa forma. Disponse no transcurso da senda descrita anteriormente e cumpre a función de miradoiro e posta en valor da muralla.
  • Reutilización dun conxunto de edificacións tradicionais localizadas na beira da estrada N-550, no acceso á vila, para albergar novas dotacións e equipamentos.

Nas proximidades destas, no espazo adxacente cara o río programase a reutilización doutra edificación tradicional illada co mesmo fin.

  • Mantemento e reutilización dos muros de peches tradicionais localizados no entorno do regato Cotarel, no espazo no que se propón a localización de actividades ao aire libre, ao entendelo como testemuña das vivencias e historia rural da vila e ao ser compatible co uso proposto. A actividade que se programa nesta área desenvolvese no interior do recinto amurallado, xunto a un pozo e un pequeno lavadoiro, ambos tradicionais.
  • Fora da área de actuación, na beira do regato Cotarel foron identificadas diversas edificacións tradicionais relacionadas coa auga, como varios muíños e un lavadoiro tradicional.  Estímase que a súa reutilización servirá para a conservación e posta en valor destes elementos e que actuarán como reclamo cultural.

No eido da potenciación cultural

  • Mellora das condicións do camiño de Santiago no acceso dende a estrada N-550. As actuacións consisten no aumento da sección da beirarrúa, adaptada ás necesidades dos peregrinos que chegan á cidade e na introdución de arborado. Búscase mellorar a funcionalidade e a imaxe do acceso á cidade.
  • Nos xardíns de  Santo Domingo realizase unha actuación puntual consistente na retirada de varias elementos ornamentais sobre o espazo do anfiteatro tradicional existente, co fin de recuperar a súa función orixinal e posibilitar a realización de espectáculos ao aire libre.
  • As melloras de accesibilidade co casco histórico e as intervencións  realizadas sobre os elementos patrimoniais que o integran, principalmente sobre a muralla, presupoñen unha oportunidade de resaltar os valores culturais contidos na vila, destacando a súa traza histórica e  súa preexistencia. No relativo aos elementos de valor etnolóxico, a súa reutilización garante a súa persistencia e posibilita a transmisión dos seus valores, ligados ás formas de vida tradicionais.

No eido da potenciación paisaxística

  • Conectar e aproximar o sistema natural e o tecido edificado mediante a prolongación dos sistemas verdes.
  • No sistema verde fluvial empregarase a vexetación como ferramenta auxiliar na configuración das diversas áreas funcionais, enfeitizando a través das especies e da densidade puntos de fuga e vistas que máis interesen cara o río. De igual xeito a vexetación se empregará como método de ocultación dos elementos que provoquen impactos visuais, como poden ser as bolsas de aparcadoiro ou determinadas construcións que se manteñen.

En todo caso se traballará con especies autóctonas e propias das marxes fluviais. Procúrase manter as preexistentes, introducindo variacións para acadar os obxectivos programados.

  • Nas intervencións propostas os materias empregados que interfiren na imaxe da vila se cinguen a tres, a madeira, o xabre e o aceiro corten, que, xunto á pedra, moi presente na cidade configurarán a imaxe do lugar. A elección da madeira e o xabre busca a naturalidade na intervención. O aceiro corten pola contra busca resaltar e diferenciarse, xa que será empregado principalmente para integrarse cos elementos patrimoniais de fondo. A súa distinción evitará equivocacións ou falsas interpretacións do preexistente.

No eido da preservación ambiental

  • Desmonte dos muros de contención na desembocadura do regato Cotarel co fin de recuperar a sección natural do cauce. Esta operación tan so se poderá realizar nunha das beiras do canle, ao existir unha edificación moi próxima no outro extremo destinada aliviadoiro e bombeo do Seixal. 
  • Desmonte do muro de contención existente entre o embarcadoiro e o porto deportivo, onde se localiza actualmente a praia fluvial de Tui, co fin de recuperar o noiro natural do río. Unha actuación que ven motivada por considerar que as condicións da praia fluvial artificial son deficitarias, tanto pola localización como pola dimensión, o que deriva na súa infrautilización. Pola contra a recuperación da ribeira permite a continuidade da imaxe da senda e a disposición dunha zona de espera de apoio ao porto. 
  • A praia fluvial é substituída por unha piscina no río, mediante un sistema flotante que ofrecerá mellor servizo, máis seguridade e non alterará as condicións da marxe fluvial.
  • Na intervención proposta procurase o emprego de materiais respectuosos co medio ambiente, prestando especial atención ás solucións dos pavimentos, a base de materiais brandos ou filtrantes, como a madeira ou o xabre, que posibilitan o paso da auga e non alteran a composición do terreo. Estes últimos materiais se empregarán principalmente nas sendas.

Nos aparcadoiros farase uso do adoquín de xunta aberta, que permitirá unha maior durabilidade acorde ao uso a vez que permitirá crecer vexetación, dando un acabado máis verde e naturalizado.

Os materiais con que se realizan os elementos de xogo serán preferiblemente biodegradables, predominando a madeira.

 

No eido da integración visual

  • Creación de novos miradoiros integrados no casco histórico e na senda disposta sobre a muralla que fortalecerá a permeabilidade visual entre a cidade e o río.
  • Prolongación dos espazos verdes sobre a trama urbana. Nos extremos da área de actuación existe un salto de cota entre a senda fluvial e a trama urbana.

Mediante a disposicións de ramplas sobre a ladeira, respectando a topografía natural, se xeran itinerarios accesibles que comunican ambos espazos. O tratamento natural da ladeira, interrompida tan só coa senda, permite prolongar o espazo verde.

  • Desmonte do muro de contención no encontro entre o camiño de Santiago e a senda fluvial na zona onde se sitúa  a escola de piragüismo, e recuperación da rasante natural en ladeira. Unha operación que abrirá as vistas dende o camiño de Santiago cara o río e que fornecerá dun novo espazo con bancadas para a contemplación do rio.

No eido da integración funcional

  • Disposición de novos equipamentos e dotacións.

No extremo sur da área de intervención, proponse a creación de novos equipamentos ou dotacións, facendo uso das edificacións tradicionais existentes, co obxectivo de revitalizar o espazo que se xera no acceso á cidade dende Portugal, tras cruzar a ponte internacional, e xerar novas inercias que atraian a poboación a esta zona, que actualmente presenta moi pouca actividade.

No mesmo extremo pero na parte interior da ribeira se dispón doutra área para equipamentos aproveitamento igualmente unha edificación existente. Neste caso procurase dar resposta ás necesidades de novas dotacións que precisen estar próximas ao río pero preservando unha faixa verde que mitigue o seu impacto na paisaxe fluvial. Dito equipamento procura ser un reclamo nos fluxos entre o espazo urbano e o fluvial, os cales veríanse posibilitados coa prolongación da zona verde e da senda peonil programados.

No caso de ser preciso ampliar a edificación existente para albergar o uso pretendido sería en edificación independente de volumetría semellante á tradicional.

  • No espazo contiguo ao centro de remo e piragüismo reservase outra zona para a posible ampliación destas actividades.
  • No extremo norte da intervención, onde se agrupan os equipamento dotacionais, tense observado unha alta presenza de docentes nos espazos verdes adxacentes, nomeadamente nos xardíns de Santo Domingo e na alameda.  Na proposta disponse dunha senda accesible que posibilite a continuidade funcional do espazo sobre a ladeira e a súa prolongación ata o río.
  • Disposición de novas actividades ao aire libre, relacionadas co desfrute da natureza e o medio ambiente.
  • Ampliación dos servicios e instalacións no espazo fluvial, que darán apoio ao novo programas de actividades, como son as áreas de abrigo, cafetería, quiosco, aseos, postos de bicicletas, espazo expositivo, actividades extraescolares ou almacén de apeos, entre outros. Estes disporanse sobre elementos de tipoloxía e aspecto semellantes, que unifiquen a imaxe da intervención e resulten de fácil identificación, variando unicamente a volumetría en función das necesidades.

No eido da accesibilidade

  • Creación dun circuíto peonil que conecta o espazo fluvial e urbano en sentido lonxitudinal e transversal.

Nos extremos norte e sur da área de actuación existe un salto de cota entre a senda fluvial e a trama urbana. Mediante a disposicións de ramplas sobre a ladeira, respectando a topografía natural se xeran itinerarios accesibles que comunican ambos espazos. O tratamento natural da ladeira, interrompida tan só coa senda, permite prolongar o espazo verde.

Na área de contacto entre o casco histórico e o borde fluvial a disposición do itinerario accesible descorre sobre a muralla, xerando unha nova conexión en condicións de accesibilidade.

No entorno da desembocadura do río Cotarel o espazo estendese terra dentro e as sendas se ramifican para coser o espazo e para conectarse cas vías existentes. A disposición das sendas reproduce a forma orgánica propia dos núcleos rurais tradicionais.

Neste punto se produce outra das conexións transversais río-cidade, conectándose o espazo coa estrada N-550. 

A totalidade das sendas propostas dan cumprimento ás condicións de accesibilidade reguladas pola normativa en vigor.

 

No eido da mobilidade

  • O aumento no número de accesos entre o espazo fluvial e a trama urbana, así como as conexións nas vertentes norte e sur da área de intervención propicia a xeración dun circuíto peonil continuo e que abraza a vila. Nesta disposición o espazo fluvial actúa como unha vía de comunicación, podendo ser empregada nos desprazamentos habituais da poboación residente. Unha medida que propicia o emprego de formas de mobilidade alternativas ao coche, máis sustentables e saudables.

Considerase que a mellora das condicións dos espazos para os peóns, como pode ser o aumento da sección das beirarrúa, o incremento da vexetación arbórea ou a peonalización das rúas iría en favor destas alternativas de mobilidade.

  • Xeración de novos aparcamentos de borde.

Créanse catro novos aparcadoiros de borde localizados estratexicamente ao longo do espazo co fin de dar servizo as áreas de equipamentos e de actividade existentes e propostos. A súa localización en áreas próximas aos accesos da vila propicia a mitigación de vehículos no interior do espazo urbano. A súa vez dispóñense sendas nas proximidades que comunican co espazo fluvial, de xeito a servir de apoio para os usuarios que acudan a este espazo en coche. Ditos aparcadoiros se localizan en:

  1. Na beira da estrada N-550 no acceso a cidade pola verte sur, coincidindo co espazo de equipamentos e coa nova conexión peonil coa senda fluvial, servindo de apoio a estes. 
  2. Na parte traseira dos equipamentos deportivos localizados na beira do río (centro de piragüismo e remo, vela, etc.), en substitución do actual disposto na fronte dos edificios, pegado ao paseo fluvial.  O número de prazas é moito maior para dar soporte á estes equipamentos e aos que acudan ao espazo fluvial.  Paralelamente se restrinxe o acceso de vehículos aos imprescindibles para a funcionamento dos equipamentos e para o acceso aos residentes que se serven por esta vía.
  3. O terceiro aparcadoiro da servizo a área na que se aglutinan diversas actividades ao ar libre. Novamente se dispón nas proximidades da estrada nacional N-550.
  4. O cuarto se dispón no extremo norte da área de actuación, nas proximidades do espazo destinado a equipamentos docentes. Segundo se recolle no PXOM neste área está prevista a ampliación do equipamento existente  e a xeración dunha nova zona verde. O aparcadoiro se dispón a seguir, servindo de apoio a área dotacional e a súa vez ao espazo fluvial ao conectarse con este a través dunha das novas sendas propostas na ladeira. Se pensou como un aparcamento en solo rústico, que a administración poderá arrendar á propiedade para dar servicio á comunidade.

O aparcadoiro existente nas proximidades do porto deportivo mantense para dar servizo ás necesidades deste equipamento, ao non existir alternativas viables nas proximidades. O uso será restrinxido para reducir a presenza de vehículos aos mínimos imprescindibles para o correcto funcionamento do porto.

  • Resolvese o acceso á gasolineira localizada na beira da estrada N-500, na que se producen retencións de xeito habitual que afectan á estrada principal. A medida pasa por destinar a área de aparcadoiros do camiño Tenencia a zona de espera. No final do camiño se habilita un fondo de saco na que os vehículos poden dar a volta.  Esta medida mellorará os accesos ao parador Nacional, co que comparte vía, véndose afectado polas retencións.
× ¿Cómo puedo ayudarte?